contrabando

Na primeira hora da mañá a néboa era tan mesta que se confundía co bafo quente que deitaba nas súas mans despois de fregalas enerxicamente, para que lle entraran en calor. Pensara volver para a casa, ao refuxio das sabas aínda quentes, cando unha brisa livián inzou na súa aba á brétema e foi levándoa dentro da ría, onda a ponte da peaxe. Así que armou os remos e vogou cara ao Arroás.

Non acadara as primeiras bateas cando albiscou algo entre as esvaecidas nubes que se resistían en deixar de bicar o mar: unha planadora de poliéster, empurrada polo sudoeste e as correntes, loitaba por fuxir das cordas do mexillón que a ían enleando cada vez máis, contra da súa vontade fuxidía. Ao se achegar comprobou que estaba cargada de caixas de tabaco americano. Fondeou a planadora no seu morto e deixouse caer polo cuartel da Garda Civil. O comandante do posto felicitouno e anuncioulle que pronto Facenda lle ingresaría unha parte do valor do cargamento. De Facenda non volveu a saber, mais iso si, fumou gratis o resto da súa vida.

Anos despois un cancro de pulmón, sen aviois nin reparos, converteuno nun fol de ósos e pelellos. O Paletas, amigo da nenez, moceo, servizo militar e frías noites na ardora, foi visitalo ao sanatorio.

- Ti, que eras forte coma un buxo; nin sequera pisaras a consulta do médico... ¿que foi o que che pasou ?

Contestoulle cun fío de aire incapaz de apagar a feble luz dunha candea:

- Esta mala becha que me roe as entrañas non é miña, compañeiro, éche de contrabando.

Serafín Parcero

 


 

O VERÁN NO QUE MANOLO ESCOBAR ACTUOU NAS FESTAS DO CRISTO

Aquela mañá, ó pouco de saír da súa casa cara ó traballo, levou unha das impresións máis grandes da súa vida. Un cartel de vivas cores chamou a súa atención. Era o programa das Festas do Cristo e só velo quedou sen respiración: con grandes letras vermellas aparecía anunciada a actuación do seu verdadeiro ídolo vivinte: MANOLO ESCOBAR.

Desconfiado por mor de desagradables experiencias, que non por natureza, pensou si sería unha das moitas bromas coas que os seus veciños castigaban a súa devoción pola copla e polo cantante andaluz. Pola súa cabeza pasou coma un lóstrego a lembranza daquela vez que o chamaran por teléfono dicindo que eran de Radio Vigo, que, coñecendo as súas cualidades, desexaban facerlle unha proba e así o tiveron cantándolle ó teléfono durante máis dunha hora... coa emoción nin sequera se decatou de que os bromistas xa colgaran. Ou aquela outra vez que uns falsos periodistas do Faro o entrevistaron, pública e notoriamente, no bar, á hora do café; episodios ambos que logo serviron para unha mofa cruel por parte dunha murga nas festas do Entroido.

Así que botou a camiñar e un pouco máis abaixo atopou outro cartel, máis adiante outro , e outro máis...Non podía ser unha broma, ninguén se tomaría tantas molestias para burlarse del. ¡Tiña que ser certo!

Nin se atreveu a comentar nada cos seus compañeiros de traballo. ¡Seguro que non o entenderían! Nunca foran capaces de comprender a súa tolemia polo cante, o seu grao de devoción pola copla, a súa desmedida admiración por aquel cantante de pasodobres e fandangos, símbolo supremo da arte española. Sabía que moitos lle chamaban “O Escobar” polo baixo, e non era raro que polas mañás, á hora de poñerse a roupa de faena, algún gracioso lle preguntara: “¿Qué? ¿Deches atopado o carro?”

Mais el non se enfadaba, xa tiña callo. Sentíase un incomprendido, mais era consciente de que, no fondo, a maior parte dos seus compañeiros o apreciaban porque era unha persoa traballadora e honrada, e moitas veces non se privaban de acompaña-los seus cantos cando colocaba ladrillos, facía a masa ou tomaba unha boa taza de tinta femia.

Se alguén lle preguntaba de onde lle viña aquela afección desmesurada contestaba que nin el mesmo o sabía. De vagar contaba a quen quixese escoitalo cales foran os tres días máis felices da súa vida: cando o seu pai mercara a primeira radio que entrou na súa casa; o día que estrearon no cine de Leta a primeira película de Manolo Escobar, e, por enriba de todos, a inauguración do primeiro “karaoke” de Cangas, na avenida de Marín: alí puido cumpri-lo seu gran soño: subir a un escenario e cantar diante de público

Cada vez que lembraba os aplausos que lle dedicaron despois de interpretar “Almería” aínda lle tremían as pernas.

Refería tamén, a quen tivera a paciencia de escoitalo, os seus vanos intentos de conseguir que lle desen a oportunidade de actuar na radio ou na televisión: enviara cintas de vídeo a tódalas emisoras, a tódalas cadeas de televisión pero sempre obtivo o silencio como resposta. Nin sequera o chamaron para “As tardes con Ana” ou para o “Luar”, do Gayoso...

-¡E mira que ten actuado cada un...!, dicía , cunha mestura de carraxe e envexa.

“Só levan os enchufados”, xustificaba e xustificabase. Pero non perdía a fe, estaba seguro de que algún día todos se decatarían da inxustiza que estaban a cometer .

Uns días máis tarde obtivo a confirmación do que anunciaban os carteis. O presidente da Comisión de Festas, que aquel ano resultara ser Pepe “O Cornicha”, un vello amigo de seu, confirmaba en rolda de prensa a presencia de Manolo Escobar o Luns do Cristo do último verán do milenio. “Un espectáculo extraordinario, digno de esta villa, que hará las delicias de los cangueses de todas las edades” declaraba literalmente o encargado da organización dos festexos ós medios escritos e audiovisuais.

Tardou varios días en decidirse, trocou varias veces a súa decisión, pero ó final tirou valor para ir falar có “Cornicha”, ó seu compañeiro de quintas.

Tiña a intención de que, valéndose da súa condición de compadre de esmorgas do organizador das festas dese ano, conseguir converter en realidade un dos seus maiores desexos: coñecer en persoa ó seu ídolo musical. Así que, un domingo pola mañán, así coma quen non quere a cousa, deixouse caer pola casa do Pepe coa fin de solicita-la súa axuda.

A resposta do seu amigo deixouno abraiado:

-Non creas que me esquecera de ti- díxolle cun ton de misterio que non prometía nada bo.

- Xa falei co axente de Manolo e está de acordo- deixou caer, coma quen non quere a cousa e cunha familiaridade que o deixou admirado.

-¿De acordo en que?- atallouno, cada vez máis inquedo; do seu amigo Pepe podía esperarse calquera cousa, tanto para o bo ou para o malo.

-De acordo con que subas ó escenario e botes unha canción con el. ¿Atréveste?

E non se ía atrever... ¡A ilusión dunha vida! ¡Un regalo de Reis no mes de Agosto! ¡Unha lotería! ¿Cómo non se ía atrever? Deulle unha emocionada aperta ó seu amigo e, aboiando nunha nube, marchou para a súa casa.

Pola noite, na cama, pensando máis friamente entroulle o medo, máis ben o pánico...Cavilando ben, ó mellor resultaba que non fora tan boa idea acepta-lo ofrecemento do seu amigo.

¿E se coa emoción quedaba coa mente en branco e esquecía a letra das cancións? Non, non imposible...había anos que sabía perfectamente as letras de tódalas cancións, aínda con aquel acento andaluz tan gracioso...Iso non ía ocorrer.

¿ E se empezaba a tatexar, como lle acontecía algunhas veces nas que se poñía moi nervioso? ¡Que ridículo! Non, non , iso non ía pasar. Din que os tatexos nunca prenden a lingua cando cantan, entón el, que normalmente non o era...Amais xa tiña cantado no “karaoke”ducias de veces sen problemas...

¿E se a xente se ría del? ¿E se lle asubiaban? ¿E se...?

Así estivo, dando voltas na cama, sen poder pegar no sono , prantexándose dúbidas, poñéndose no peor dos casos, buscando solucións, dándose ánimos e consellos, ata que Pedro Chosco puido máis que as súas inquedanzas e puido, por fin, durmir.

A luz da maña, a luz dunha maña de verán clara e despexada que anegou ó seu cuarto pola fiestra aberta, deulle novas forzas e decisión. Ía facelo, ía aproveitar aquela ocasión única na súa vida ¡Moitos pagarían por unha oportunidade semellante ¡ E estaba seguro que non ía defraudar a ninguén: nin o seu amigo, nin a xente de Cangas e, sobre todo, non ía defraudar a Manolo Escobar.

E por fin chegou o día sinalado. Levantouse ben cedo, duchouse, almorzou con calma e, aínda que xa o fixera tres veces antes de meterse na cama a noite anterior, púxose a repasar unha vez máis o vestiario e complementos que luciría na actuación: a camisa, inmaculada; o nó da garabata ancho e simétrico; a chaqueta, impecable; a raia do pantalón trazada con tiraliñas e o lustre dos zapatos de acíbache daría envexa ó mesmo sol de finais de Agosto.

As horas non daban pasado. Leu a prensa, fixo dous crucigramas, e foi escoitar o concerto que a banda “Bellas Artes” daba no recentemente restaurado Palco de Música da Alameda Vella.

Namentres xantaba repasou mentalmente tódalas instruccións que lle dera o seu amigo Pepe, o presidente da comisión de Festas:

“ Despois de que te anuncie o presentador, sobes o palco. Saúdalo -dáslle a man, nada de apertas, non lle gustan- ; saúdas ó público – moi brevemente- ; cantades a canción – procura non desentoar- ; dáslle as gracias – lembra, sen apertas nin outras mostras de afecto - ; das as gracias ó público e despídeste.

E acórdate que isto só sería capaz de facelo por unha amigo coma ti, que aínda me acordo de tódalas veces que me sacáche-las castañas do lume no Ferrol, cando fixemos a instrucción...”

Despois de xantar deitouse un pouco. Logo estivo vendo a televisión e a iso das seis saíu a dar unha voltiña, para despexa-la cabeza. Duchouse, mudou a roupa e, xa coa noitiña, dirixiuse ó lugar onde se celebraba a verbena.

As xentes enchían non só a rúa onde tradicionalmente se baila e escoita ás orquestras, senón que tamén ateigaban a Alameda Vella, a praza da Constitución e as fiestras e balcóns das casas. Asegurábase que os que chegaron un pouco tarde tiveron que ir aparcar ós campos do “keniata” ou onda a fábrica de Massó.

Ás doce en punto subiu ó escenario Manolo Escobar e as palmas empezaron a botar fume. Unha a unha foron soando no ar daquela noite de verán tódalas composicións que lle deran tan merecida sona. Os palmateos case chegan á ermida de Roque cando, antes de interpretar “Que viva España”, falou do bonita que era Galicia, o bo que estaba o marisco e o guapas que eran as mulleres de Cangas. O non vai máis foi cando exclamou: “¡Boas noitiñas, Cangas!¡Graciñas a todos!”. A chuvia de caraveis tapizou de vermello o escenario e os berros de “¡Torero!,¡Torero!” coido que se escoitaron ó outro lado da ría.

Pensou que o corazón lle daba a volta cando viu ó coordinador cultural do Concello colle-lo micro. Non sabía xa se lle circulaba o sangue polas veas cando anunciaban a súa actuación. Unha suor fría percorreu as súas costas e sentiu como centos de bolboretas movían as súas alas dentro do seu estómago.

“Coidado coa escaleira, que é moi estreita” sentiu que lle dicía un dos compoñentes da orquestra namentres subía ó escenario.

Poida que fose a emoción, poida que fose cegado polo proxector de láser da orquestra , poida , simplemente, que fose mala sorte, pero ó certo é que, cando se dirixía a colle-lo micro que lle tendían, enleou un pé nuns cables , deu un trespés, caeu contra dun órgano eléctrico e foi bater contra do chan. Como levaba os brazos ergueitos para corresponder ós palmateos da xente, non puido ampararse e deu un terrible golpe na cara.

Case sen sentido, e deitando abundante sangue polo nariz, a duras penas conseguiron baixalo do escenario.

Os sanitarios da ambulancia do 061 que o trasladaron de urxencias á Povisa aínda hoxe non se explican como aquel home, con probable fisura de costelas, unha escordadura de nocello e fractura dos osos propios do nariz levara todo o camiño cantando:

“Poron pon po,

porero, poron pon pero,

poro

porero, poropompero, poro,

porero, poron, pon po...”

Serafín Parcero

 

 

VIDAS TANXENTES

Movilguai: Envía ton POEMA ó 2233 e recibirás no teu móbil un poema, cada día máis atrevido. Oito anos de E.X.B. , tres de Bacharelato, o C.O.U. , cinco anos de Filoloxía Española e unha

tese doutoral sobresaínte “cum laude” para rematar traballando nisto... Agora ripios, logo chistes, horóscopos, frases enxeñosas, o que cadre...

Movilguai: Envía ton TAPITAS ou ton CREMITA ó 2244 e terás no teu móbil as melodías de moda deste verán...Catro anos de Grao Elemental, seis de Grao Medio e outros tantos de Grao Superior no Conservatorio; congresos e simposios, audicións e concertos; dous cursos de especialización en música electrónica para acabar traballando nunha multinacional de comunicacións.

Levaban máis de dous anos desenrolando as súas actividades no mesmo edificio e nin se coñecían. As súas vidas cruzáronse, coma nas películas, ó deteren e compartiren o mesmo taxi unha tarde de chuvia, preto da Lonxa de Grandes Peixes, no peirao de Vigo. Meses despois decidiron compartir tamén as súas vidas.

O xuíz que oficiou o casamento díxolles: “Luís, ¿ queres por esposa a Lucía ? Se así é envía ton SI QUERO ó 6969. Lucía, ¿ aceptas a Luís por esposo? Se así é envía ton SI QUERO ó 7070.

E vós, convidados, enviade ton MARCHA NUPCIAL ó 8080. Do arroz encárgome eu.

Serafín Parcero