NECROLOXÍA, 15 DE OUTUBRO
Galf Ingels e mais a súa esposa Lúa faleceron en accidente de tráfico cando regresaban ao seu fogar dende unha localidade costeira. Coa súa desaparición, unha vella e prestixiosa lingua, o babelio, morreu tamén. Miles de adxectivos, substantivos e adverbios, e menores cantidades doutras partículas de diversa índole, disolvéronse sen remedio na atmosfera morna deste outono á vez que se extinguía a vida dos seus derradeiros falantes. Dende hoxe, ningunha nai volverá acougar o seu pícaro angustiado polos pesadelos, nin a vella lingua será a elixida polo plenilunio para falar a dous adolescentes deitados no verán da praia; ninguén amará en babelio, nin padecerá tampouco. Outras palabras seguirán vivas para chorar e consolar, mercar e vender, saudar e despedir, mais non por iso o oco será menor.
Mañá, no funeral polos Ingels, non haberá quen pronuncie unha oración na súa antiga e ilustre lingua, pero iso case non importa: con eles tamén marchou o único Deus que podería entendela.
A NOITE QUE FUN OUTRO
Era xa bastante tarde. Ao chegar ao cuarto desfixen a maleta e despois, descalzo, fun cara á cama para probar o colchón. Cando virei a almofada vino: era un camisón –de raso, creo- con debuxos de pequenos corazóns vermellos. Contrariado, agarrei o teléfono; estaba claro que se trataba dun despiste do persoal do hotel. Quitáranseme as gañas de durmir alí, ¿que me garantía que o despiste non incluía o cambio de sabas?... O teléfono non funcionaba –outra contrariedade-, así que despois de calzarme camiñei cara á porta rumbo á recepción. Pero non saín: cando pasaba a carón do baño, oín a ducha; o chorro de auga entrecortábase explicando que alí, na bañeira, había alguén. Iluminóuseme a mente: o despistado era eu, equivocárame de cuarto; Deus, qué apuro. Reaccionei con rapidez, abrín a maleta sobre a cama e comecei a gardar as miñas cousas con urxencia. Cando case concluíra, a porta do baño abriuse ás miñas costas. Incapaz de xirarme agardei dous ou tres longuísimos segundos nos que, cos ollos pechados, o meu organismo parapetouse disposto a recibir gritos e insultos. Pero a voz que oín, para a miña sorpresa, non mostraba enfado: “¿Como chegas tan tarde?, ¿demorouse o avión?”. Non comprendía nada, unha sensación angustiosa de irrealidade me paralizou; aínda que recoñecín a miña voz foi outro quen contestou: “Si, creo que hai folga de celo”. Eu, que abrira os ollos pero non era quen de moverme, sentía a súa presencia aínda sen vela. Sabía que era nova e estranxeira. Oín cómo buscaba algo no armario e, despois de pechalo, volvía ao baño. Botei man da maleta e saín do cuarto coma un lóstrego. Paguei sen dar explicacións ao recepcionista, a pesar das súas preguntas e xestos de preocupación. O aire fresco da noite reconfortoume lixeiramente. Xa no taxi, prometinme esquecer para sempre o que ocorrera aquela noite.
UN TROPEZO CALQUERA
Tropecei con ela en plena rúa, e parou o mundo. Foi un encontro visceral e con banda sonora de Vangelis. Sobre a música de Carros de Fogo os noso corpos, en lugar de bater e retroceder, traspasáronse. Primeiro penetraron as cabezas: o meu cerebro e mais o seu intercambiaron pensamentos e emocións; souben, por exemplo, que ela detestaba a calor adiantada de xuño e que devecía por unha cervexa fresca en calquera lugar que tivese aire acondicionado. Logo, os pulmóns; aí saiu perdendo porque son un fumador empedernido e máis tarde notei que os meus alvéolos andaban máis lixeiros de alcatrán. Os estómagos, sen embargo, entendéronse, pero ignoro o motivo, tal vez pola coincidencia da súa intersección coa dos nosos corazóns que a penas deixou espacio para sentimentos distintos ao desconcerto. Ambos latexaron unha soa vez ao unísono, empregando a mesma cadencia, unha idéntica linguaxe. ¿Canto durou? ¿Un milisegundo, quizá? Suficiente. Como nunha gran badalada a dous metros de distancia, todo o demais deixou de existir. Non creo que ninguén se teña namorado nunca así, agás eu. Agora sei que ela, sen embargo, xa conseguira outras billeteiras usando o mesmo procedemento.
A CONFERENCIA
Na cola, mentres esperabamos a documentación inicial do congreso, cambiara un par de palabras coa moza de atrás, e iso deume algunha esperanza. Oín que ao chegar ao mostrador suxerían a posibilidade de utilizar auriculares portátiles para a traducción simultánea, e vin que os tres ou catro mozos que me precedían declinaron o ofrecemento. Cando me tocou a min fixen o mesmo e só recollín a carpeta cos distintos documentos. Disimulaba esperando á miña amiga ata que me decatei de que fuxira cara a un grupo próximo. Entrei na sala quince minutos antes da hora, botei contas e saíronme case dúas horas de aburrimento.
Comezou a conferencia e seguín con atención a lectura do primeiro folio do relator, o cal tivo moito mérito pola miña parte porque non sei nada de inglés. Confortoume bastante, sen embargo, a mirada respectuosa dalgúns compañeiros veciños con auriculares. Malia todo, aburríame ferozmente. Pero á altura da metade do segundo folio produciuse un cambio.
Reparei na zona esquerda do escenario onde, rodeada de penumbra, baixo un chorro de luz halóxena, unha intérprete explicaba a conferencia en linguaxe de signos. Era un prodixio de narración desbordante, que transmitía con todo o corpo un conto marabilloso ao que dificilmente se podía relacionar coas palabras do orador. Case non puiden apartar os ollos dela en todo o tempo. Só o fixen un instante, o xusto para advertir que non era eu o único que deixara de aburrirse.
A IRMÁ DE JANO
Foi toda unha revelación. Jano era o meu mellor amigo, e a súa irmá, Alicia, a rapaza máis guapa do universo. Non se me borra o día en que souben que el a espiaba na ducha. Contoumo sen evitar os detalles: ela sabíao e non lle importaba, e por iso non colgaba a toalla do picaporte interior tapando o ollo da pechadura, nin tampouco corría a cortina de plástico que a ocultaría se quixese; chegou a asegurarme entre risas que, baixo o chorro de auga, se exhibía ensaiando posturas copiadas dos anuncios e as películas. Non quero esquecer o pasmo con que recibín, palabra a palabra, a revelación de aquel pequeno segredo, nin todo o que veu despois. Apagou a luz, buscoume na penumbra do salón e murmurou: “A Jano nin palabra, ¿eh?”
ADEUS
Os luns, despois de cear, repasa os suplementos da fin de semana e sempre arrinca algunha folla: gústalle conservar fotografías e artigos. Pero, antes de resgar o papel definitivamente, desliza o seu dedo índice seguindo o prego até atravesar o dobrez e encontrar a páxina oposta, xa condenada a unha existencia incompleta. Abre entón a revista nese punto e le calquera cousa que alí puxeran: dúas receitas, un par de remedios homeopáticos, as cousas de Pérez Reverte... É unha lectura que a descarga de culpa, eu creo, unha silenciosa demanda de perdón á víctima ante a mutilación inminente.
Hoxe é luns; hai un anaco que deixou a un lado as revistas, intactas, e me dixo que tiñamos que falar. Alá vou.
A DÚBIDA
Entrei no estanco unha tarde de chuvia. A moza pegou o selo, cobroumo e despois preguntoume se quería deixar alí a carta, porque “o carteiro pasa a recollelas todos os días”. Accedín, pensando que aforraba o tempo de desprazarme até a caixa do correo e unha molladura máis que probable. Camiño do coche mal aparcado, imaxineime no lugar da moza, selando cartas, cobrando, preguntando aos clientes se querían deixala alí para que o carteiro a recollese; logo, na trastenda, eu despegaba os selos con coidado, quizais utilizando vapor, para volver vendelos; e tamén era eu quen lía as cartas, emocionadamente, antes de queimalas. Volvín correndo. Ela viume chegar cando xa botaba o ferrollo. “Tarde”, díxome coa mirada antes de apagar a luz.
O INDULTO
Despois de 45 minutos de autobús frío e asmático, chegaba á capital, a Pontevedra. Baixaba do armatoste unha vez pasada a ponte, na marxe esquerda do río. Sabía que comezara o verdadeiro inverno cando vía alí, a dous pasos, á castañeira coidando o lume dun asador que tiña forma de locomotora.
Como era seareiro chegou o momento no que xa non precisaba pedir nada; achegábame e ela comezaba a encher un cucurucho mediano; ao darmo cunha man estendía a outra, enguantada humildemente, para que eu deixase os tres pesos (nunca nos miramos á cara: ¡como se aquela fose unha transacción ilegal!). Despois, eu introducía as castañas quentiñas nos petos da trenca e durante os dez minutos de camiñada que seguían, os meus dedos xogaban con elas recuperando con alivio a circulación sanguínea e mailo sentido do tacto, anque iso reactivaba tamén a molestia das frieiras xuvenís.
Xa na entrada do Instituto (sempre chegaba moito antes da hora) devolvía as castañas ao seu envoltorio con parsimonia e, procurando que ninguén me vise, depositábaas nunha papeleira do vestíbulo, sen probar nin unha. Tiña fame si, e gustábanme (gústanme) moitísimo, pero durante aqueles anos nunca me pasou pola cabeza comelas. De puro agradecemento.
PALIZA
Calquera afeccionado coñece o fundamento do son estéreo, pero ninguén até o de agora fora quen de relacionalo con algunhas enfermidades –digámolo así- especialmente delicadas. Nosoutros conseguímolo...
Como é sabido, para escoitar música en estéreo adecuadamente debemos situar a nosa cabeza nun punto tal que forme un imaxinario triángulo equilátero cos dous altofalantes; é dicir, debe atoparse un lugar no cal, ao recibir o son, o cerebro experimente a alucinación adecuada, que dará como resultado a percepción de que a música xorde, principalmente, dun lugar imposible situado fronte ao noso nariz. O máis lixeiro erro de posicionamento eliminaría o efecto perseguido, que non é outro có engano auditivo. É así como funciona. Hai logo outros sons menores que si localizamos na dirección da fonte orixinal, pero non son os fundamentais.
E, agora, a pregunta : ¿podería ser tamén a realidade un espellismo? Cremos que si. Avancemos. Seguindo o modelo explicado, esta –a realidade- sería o froito dunha intersección entre dúas proxeccións que orixinarían unha ilusión. Pode aventurarse, por ir un pouco máis alá, que as informacións que conforman as nosas vidas se alimentan así de dúas procedencias equidistantes -chamémoslles pasado e futuro. ¿Decátanse? Igual que a recepción do son nunha posición inadecuada anula o efecto estéreo, unha sobredose de calquera dos dous compoñentes anteditos orixinaría unha percepción da realidade distorsionada. Intúese todo un campo científico a penas estreado. ¡Eureka! Sairemos de aquí algún día.
O TRIÁNGULO
Hoxe, ao final dunha das nosas discusións, oín a súa voz distorsionada polos saloucos e a barreira da porta do baño. Seguindo o seu costume repetía secuencias de insultos coma se fosen rezos de vella; aos poucos intercalaba un “isto non é vida”. A memoria levoume moitos anos atrás.
Debía espirme á luz dunhas candeas colocadas na mesa de noite e logo mirar, por riba do ombro, ao espello que quedaba ás miñas costas. Iso tiña que facer (insistiume) se desexaba ver reflectida a miña imaxe de home no futuro; lérao nun libro. Pasados uns días conteille que, malia intentalo, non me atrevera por medo, pero era mentira. Elixín un momento no que estaba só na casa. O último que quitei foron os calcetíns, aínda cos ollos pechados e tremelicando; incorporeime a modo e mirei á fronte, cara ao crucifixo. Notaba a suor nos peliños do bigote, e as axilas húmidas. Comecei a xirar a cabeza cara á esquerda; nun movemento lento fun recoñecendo formas na penumbra: o andel, o baúl, a guitarra sobre a cadeira de vime, o comezo do armario...; fixen un breve alto para tomar aire (na segunda folla estaba o espello) e lanceime na procura do meu futuro co alento contido. ¿Por que tiven que facerlle caso? Desde que somos tres isto non é vida.
A COMPETICIÓN
Os días que non viña ninguén a xogar comigo ao Scalextric aburríame tanto que aprendín a manexar os dous coches á vez. Agarraba un mando con cada man e organizaba competicións: eu contra eu. O curioso é que o coche marelo nunca gañou unha soa carreira, e mira que xa pasou ben tempo...
AZAR
Eu era cliente porque ela traballaba alí, porque a súa elegancia ao se xirar para buscar con eficacia a cinta solicitada no inmenso andel a convertía nun ser doutro mundo. Sempre estaba a ler, cada vez un libro distinto, e coa esperanza de que se fixase en min adoptei a táctica de elixir películas relacionadas coas súas lecturas. Foi inútil, xamais houbo unha mirada de complicidade, nin sequera unha mirada a secas. Para ela, eu tamén pertencía a outro mundo.
Unha tarde, ao entrar, vin que lía sobre mitoloxía romana. Fun cara aos expositores e regresei ao mostrador con Gladiator na man. Ela volveuse cara a onde as casetes agardan espidas e tomou unha para introducila na carpeta plástica. Todo como de costume. Pero ao poñer o vídeo na casa, despois de cear, decateime de que se equivocara de película.
Non puiden durmir en toda a noite: aquilo, -pensei- non podía ser unha casualidade. Cando pola mañá cheguei nervioso ao videoclub atendeume unha muller maior. Ela non estaba –informoume- e non volvería... “Este non é lugar para unha mociña de doce anos”... Sobre a mesa, ao lado dun exemplar do Diez Minutos, deixei a cinta de Lolita sen rebobinar.
UN PAR DE ERROS
(Para Jorge Agra)
O instituto organizaba un concurso de postais de Nadal. Aquel ano, o profesor X. presidía o xurado e chegounos o rumor de que se non te presentabas ao certame suspenderías as súas materias. Odiabámolo.
Intentei, no último momento, un debuxo a prumiña e tinta china negra. Case rematara cando una gota minúscula aterrou por accidente a dous centímetros da cabeza do san José, esparexéndose con escándalo. Non tiña tempo nin ganas para comezar de novo, así que esperei que secara e presentei o traballo tal cal.
Días despois, ao entregarme o primer premio no salón de actos, o profesor X destacou con entusiasmo “el relieve de esa estrella solitaria, innovación estética y a la vez metáfora perfecta de la llegada del hombre nuevo”. Aínda en ocasións atópoo paseando pola rúa. Ten unha saúde de ferro, o moi imbécil.
A PRESA
Ilustraban a noticia con unha secuencia de caza. A cámara seguía a dous patos que emprenderan o voo desde unha zona oculta, á dereita da lagoa; o canón dunha escopeta entra en plano e dispara sobre a ave que voa detrás abaténdoa con certa impericia... é tarde xa para ir polo compañeiro, que segue viaxe quizais ata a próxima perdigonada. Resultou inevitable a asociación: ¿cantas veces fun eu o alcanzado e cantas o salvado polo azar? Cua.
OBSESIÓN
Poño o termómetro dúas veces ao día; a primeira na ducha, a segunda á hora de comer. Mentres a auga me reanima, sobre todo no inverno, percibo como cada parte de min se recoloca no seu sitio lentamente, e daquela fágoo; trátase dun breve interrogatorio interior: quén son, ónde estou, ata cándo aguantarei, ¿hoxe tamén?, ¿haberá xel de baño no máis alá?... En función das respostas decido, conque ás veces cústame saír.
O proceso á hora de comer non é moi distinto: hai algo que eu ignoro común a eses dous momentos, unha conexión estraña.
Movo a culler para arrefriar a sopa e tomo o primeiro grolo de viño tinto; é bo, ten corpo, hai xa un anaco que penso nel; ¿pensará el tamén en min?; ¿haberá alguén pensando en min neste instante de masoquismo gastronómico en que me abraso voluntariamente o padal e mais a lingua?; ¿é a comodidade o único que nos mantén xuntos?; ¿hai sopa a ferver e retrogusto despois da morte?
Cando me esforzo para entender este misterioso vínculo encontro que o termómetro obedece á soidade: eu sempre como soa aínda que á mesa nos sentemos varios. Pero penso tamén que esa é unha explicación demasiado doada. Creo que teño unhas décimas.
INFERNO
O primeiro piso que alugamos ao casar tiña un enchufe máxico. Estaba incrustado nun resalte que adornaba a parede do recibidor, a carón da porta de entrada. Bautizámolo así, “máxico”, porque podiamos enchufar alí o que nos dese a gana sen preocuparnos do gasto: a miña muller –non lembro como– descubrira que non estaba conectado ao noso contador.
Nas noites de inverno duro, cando chegaba do traballo e encontraba a casa quente coma un forno, entrábanme remorsos. Nós –pensaba entón– nunca poderiamos chegar a pagar aquel súper luxo de seis radiadores prendidos continuamente: eramos uns trampóns. Mentres ía quitando a roupa de abrigo intentaba imaxinar a quén lle estarían cargando aquel confort de estraperlo, e nos peores días daba por feito que os nosos quilovatios ían parar ao recibo dunha viúva necesitada ou ao dun xubilado sen familia. Pero despois, xa aclimatado, en camisa, pensaba que seguramente os pagáns serían os da compañía eléctrica ou o concello. Confeso que esa idea conseguía tranquilizarme por completo.
COSTUME
Daban longos paseos. Saían da vila e camiñaban ata o miradoiro -máis de tres quilómetros-, collidos da man case sempre. Alternaban dous itinerarios: un, máis propio dos días cálidos, discorría cerca do río; o outro bordeaba una antiga canteira de granito. Ás veces, buscábanse en discusións puerís.
Ela opinaba que a ruta do río era máis curta e el, que se adiantaba moito seguindo a outra. Decidiron probar. Separaríanse e percorrerían traxectos distintos, e como o ritmo dos seus pasos se tornara idéntico, conviñeron en que quen alcanzara antes o miradoiro demostraría que esa era a senda más rápida.
Chegou o día. Partiron, como de costume, moi cedo, pero esta vez cada un polo seu camiño. Nunca volveron a encontrarse.
FAMENTO
Rebuscabamos entre os andeis; ela atopou un libro de contos magnífico, e decidiu regalarmo. Como a edición non era moi boa (creo que foi por iso) ocorréuselle engadir algo: humedeceu coa punta da lingua a páxina inicial de cada relato, no ángulo superior. Despois fíxome prometerlle que llo devolvería se deixaba de amala. Hai pouco pensei en enviarllo por un mensaxeiro, pero non o fixen porque hai tempo que comín aquelas esquinas, e non sei cómo o interpretaría.
JACK LONDON
De neno, entre as páxinas dun libro encontrei unha pebida de ouro. Eu, cando escribo, en realidade escarbo.
CARTAS DE SOLDADO
O noso era un cuartel pequeno, e canto máis pequeno é o cuartel con maior facilidade se propagan as faladurías, coma nas vilas, igual. No seu momento todos soubemos que as cartas que recibía Benítez, en sobre perfumado e marcado o reverso con beizos de apaixonado carmín, escribíaas el mesmo cando marchaba de permiso de fin de semana. A vila de Benítez era máis pequena aínda có cuartel e non lle foi difícil convencer ao encargado da oficina de correos, medio pariente seu, de que escalonase os envíos para que fosen chegando ao destino no seu xusto momento.
Benítez non sabía que os demais coñeciamos o seu secreto, ou iso parecía cada vez que o carteiro da compañía gritaba o seu nome case a cotío; el finxía entón unha alegría inmensa e bobalicona; abría o sobre coma se ignorase o que alí dicía, ilusionado, embutido no oco inferior da súa liteira, alleo ás risas maliciosas dos que o mirabamos de esguello, e sorría ante os comentarios perversos: “la traes loca, Benítez”... “quien tuviera tu suerte, cabronazo”.
Un día, Benítez, despois de amosarnos orgulloso o sobre perfumado que lle entregara o carteiro, abriuno sentado na súa liteira, coma sempre, e mentres lía a carta, para sorpresa nosa, rompeu en saloucos: a súa moza deixárao... Cando nos deu a noticia, serio e aflixido, non sabiamos se rir ou chorar... Días máis tarde, Benítez desertou.
A GORRA
Esperei a que se fixera noite. O barracón das latrinas estaba moi separado do resto dos edificios do cuartel; quizais fose esa a causa de que a luz eléctrica non chegase ata alí. A pesar diso, case todos os soldados preferiamos deixar a nosa visita máis longa para cando escurecía, porque a penumbra nos proporcionaba unha intimidade imposible durante o día: non había portas nos retretes.
Ao entrar camiñei ás escuras polo corredor procurando facer ruído. Ulía a hachís. A esquerda e dereita, nalgúns ocos, o brillo dun punto incandescente oscilaba a escasa altura -o cigarro era o noso semáforo. Cheguei á parede do fondo e volvín sobre os meus pasos para facer tempo. Cada halo vermello ensanchábase por momentos. Aínda agardei uns segundos, ata que puiden distinguir o perfil dalgunhas cabezas.
Foi doado. Zosqueille en plena fronte coa palma dunha man ao tempo que agarraba a súa gorra coa outra. Blasfemou ao derrubarse cara a atrás e eu corrín coma unha chispa ata a fronteira luminosa do patio. Camiño da cantina, con paso refreado, ampeando aínda e sen atreverme a mirar o botín, dixen para min que non había motivo para avergonzarse: roubáranme e eu respondera coa mesma moeda. “É case una lei”, pensei. E non houbo máis, iso é todo; non sei ni por qué o conto.
SITIO DISTINTO
Desde a barriada, nos días de atmosfera limpa vese a fin do mundo. As vivendas, adosadas por necesidade, fueron construidas con diñeiro gañado na emigración, vendendo polos asados nas xélidas rúas de Zürich, despedindo os clientes en Hamburgo coa man aberta e un “aféitensen”, ou na mar, navegando en cargueiros de bandera noruega, nos que o Varón Dandy era whisky de Malta.
O home do butano fai soar a bucina do camión e co motor en marcha reparte casa por casa. No número 14, pegada á porta, hai unha bombona vacía e mollada pola chuvia; escampou hai só un instante. O repartidor chama ao timbre e ninguén contesta. Non importa. No 12, ou no 16, ou no 15, ou na casa marela, alguén pagará a bombona nova. O que paga nunca reclama: se o esqueceron, esquecérono; se andan mal de cartos, xa cambiará o tempo. E cando cambie, nos días de atmosfera limpa, volverá a verse a fin del mundo, alá, lonxe.
IMÁN
Naquel sobrecolledor experimento escolar, as limaduras de ferro movíanse ao antollo do imán que as guiaba baixo o folio. Non lembro ter reflexionado daquela sobre cáles son as forzas que nos moven sen nós sabelo.
Cando me viñen para a cidade, cambiei o antigo e húmido baixo de toda a vida por este 5º A, un bo piso para una muller soa. Foi entón cuando comecei a percibir con intensidade que non era eu quen gobernaba a miña vida. Era unha sensación moi perturbadora. Pasaron os anos e as cousas van agora mellor, sobre todo desde que gracias á herdanza puiden comprar o 4º A. Saber que abaixo non vive ninguén tranquilízame.
PARTO
A simple vista parecía imposible que a miña cabeza puidese saír por aquela minúscula abertura. Miña nai empuxaba con forza. Eu, no medio da escuridade, intentaba colaborar a pesar de que a angustia confundía o meu sentido da orientación. Despois dun impulso conxunto notei con alivio que a coroa estaba fóra. Mais non cedimos ata que por fin os meus ollos se abriron ao outro lado, xa traspasado por completo o estreito colo do xersei.
GOLPE TONTO
Pedaleaba sudoroso na bicicleta estática do baño cando de súpeto oín a bucina dun camión pegado á miña roda traseira. E non lembro máis nada.
RETROVISOR
–¿Que se ve qué?
–O pasado.
–¿Polo retrovisor?
–Si, polo retrovisor.
–Será unha broma…
–En absoluto.
O monitor de autoescola, mentres lle dá as primeiras instruccións, pensa que tal vez a súa nova alumna –guapísima– estea no certo; ao mellor leva razón no do espello… ¿por que non? (Sen saber o motivo, desde hai un tempo, acaso influído por algunhas lecturas, intúe novidades extraordinarias na súa mecanizada vida). Bota unha mirada ao retrovisor postizo.
–E se se ve o pasado, ¿como é que eu non o vexo?
–Quizais non o teñas. ¿Arranco xa? – interroga con voz serena.
El tarda dous segundos en contestar, o tempo de baixar a panca do freo de man:
–Vamos.
AQUEL DÍA
Aquel día, camiño da escola, presentín que algo non ía ben. Dez minutos despois de soar o timbre a nena seguía sen saír. Púxenme un poco nervioso; entrei e preguntei a un conserxe, que esta vez non era o de costume. Foi cara ás aulas e volveu coa directora. Ela, que tamén era nova, pediume que pasase ao despacho. Deille o meu nome, o da nosa filla e o de profesora. Fixo unha chamada e minutos despois chegaches a buscarme.
AXUDA
Calquera historia que eu poida contar foi contada xa antes, tal vez incluso coas mesmas palabras, acaso nunha lingua aínda por descubrir. Se digo, pois, que un coche a atropelou cando baixaba a buscar á librería uns lapis de colores para o noso fillo enfermo, non estarei inventando nada; se escribo que a súa agonía foi tan breve que non puiden escoitar o seu último lamento, repito o que xa outros dixeron; soa agora un teléfono coñecido e óioa queixarse como outras mulleres inexistentes se teñen queixado en miles de soños; e eu rompo a cada chamada, e véxoo tan triste, ao noso fillo, tan perdido que parece querer seguirme nesta loucura. E sabido é cómo remata o relato, excepto se, polo motivo que sexa, caese este en mans de alguén que xamais tivera oído semellante historia e decidise, léndoo neste punto, un final distinto; dese xeito, quizais todo teña remedio aínda.
SOSPEITOSO
Sucedeu nun inverno, hai ben anos. Cara ás oito da tarde eu baixaba a Gran Vía viguesa en procura da miña parada de bus; case chegara cando reparei en varios grupos de antidisturbios que subían dende a rúa Príncipe -acababan de disolver unha manifestación ilegal convocada en apoio aos GRAPO.
Cando nos cruzamos, minorei o paso e fixeime na faciana dun home novo ao que traían entre empurróns; pareceume recoñecelo e parei. De súpeto sentín un golpe no peito e un berro pedíndome a documentación. Dígolle ao policía que non a levo comigo mentres oio a outro vociferar: "¡¡Los del periódico en el bolsillo!! ¡¡La contraseña es el periódico en el bolsillo!!".
Eu levaba no chaquetón un exemplar do Marca, como todos os días a esa hora. Cacheáronme na rúa, contra a parede, e despois subíronme a una furgoneta con outras persoas que tamén levaban xornal, para deixarnos na comisaría de García Barbón. Unha vez alí, tras dúas horas de comprobacións, soltáronnos a algúns. Por sorte, a min xa deixaran de insultarme había tempo, dende que, ao pedirme os datos, lles dixen que estaba casado e tiña dous fillos. Perdín o último tren de volta a casa, iso si.
IMAXINACIÓNS
Contarei unha das miñas rarezas de mociño. Cando falecía algún coñecido ou parente, os meus pais obrigábanme a acompañalos á casa do defunto, para velar o cadáver ata ben entrada a noite. Non ocorría só comigo, outros rapaces da miña idade sufrían a mesma tortura; sen embargo, no meu caso, a obrigación facíase máis levadía gracias a un recurso secreto. Dende a soleira da estancia –case nunca ía máis alá– os meus ollos, fuxindo do cadaleito, refuxiábanse en todos os detalles secundarios. Lembro perfectamente que se se trataba dun dormitorio eu elixía –seguindo un criterio que ignoro– a un dos familiares, e imaxinábao desmontando a cama e mais o armario horas antes, peza a peza, para facer sitio ao morto, aos cirios e ás cadeiras.
Preguntábame entón en qué lugares da casa terían colocado os fragmentos daqueles mobles, aos que eu outorgaba una azarosa vida secreta: simples anacos, sen sentido agora, sufrindo unha terrible separación, agardando impacientes o xesto que lles devolvese la plenitude perdida. Lembro ter pensado tamén –anque tal vez isto se me ocorrera máis tarde– que xa ninguén sería capaz de volver montar o mesmo cuarto.
NA BARBERÍA
Gozaba cando acompañaba ao meu pai á barbería da vila. Impresionábame todo aquel ritual da auga quente, a almofía, a escuma branquísima, a fricción do gume metálico contra o coiro... e sempre o silencio, un silencio cerimonioso que deixaba entrar as risas dos nenos que xogaban na praza, e permitía oír o son inquietante e limpo da navalla despexando de neve imposibles vales rectangulares. Lembro sentir a seguridade de que, ao desaparecer toda aquela escuma, a faciana do meu pai sería outra.
A RADIO
Baixo o volume da tele cando dan fútbol e sigo a narración a través da radio. Ás veces, sen embargo, a situación incomoda porque ocorre que o comentario chega antes que a imaxe. Cando máis molesta este desaxuste é nas xogadas de gol: o dianteiro lanza dende o borde da área, mais xa unha voz anuncia que o balón saíu “rozando el poste izquierdo”. Podería dicirse que se trata de dous partidos distintos –anque de idéntico resultado- que se xogan en dimensións diferentes.
Algo así lle explicaba eu a Xulia, cando mencionou que o noso non funcionaba. Díxenlle que o que sucedía era que as nosas dimensións non coincidían porque, como as ondas, se propagaban a velocidades diferentes. Que a solución esixía un esforzo de axuste, tal vez máis no seu caso, que sempre –teño que dicilo– ía un pouco por detrás. “Ti es a tele e eu a radio”. Non resultou, deixámolo, deixoume. Pero a teoría non é mala; seino porque décimas de segundo antes de que ela abrise a boca para preguntarme se estaba tolo, oín a Manolo Lama facendo a mesma pregunta.
CAMA
Dende sempre, os sábados, antes de facer a cama, a miña muller pídeme que lle axude a voltear o colchón. Cando un día lle preguntei dixo que era una cuestión de hixiene e que, ademais, cambiándoo de lado cada semana, atrasábase o deterioro.
Teño observado que despois de alzalo ela manteno en vertical, apoiado sobre un canto, un par de segundos máis do necesario; nese tempo non a vexo, porque estamos en lados opostos da cama. Ao baixar o colchón ten a mirada perdida e un medio sorriso que sempre me resultou enigmático. Se con iso atrasamos o deterioro, paréceme estupendo.
DISTANCIA
Paso o día conducindo, non é raro que se me ocorran cousas. Ás veces o automóbil que levo diante é un cochazo e penso: ese é o meu, e son eu quen o conduce. Cando o tráfico vai moi lento dá tempo a fixarse nos seus retrovisores. Só consegues fragmentos, é lóxico: queixelo e boca; ollo esquerdo ou dereito, orella e nariz; una guedella, un aceno... Suficiente para aliviar a curiosidade e confirmar o obvio: o de diante é outro. Pero en ocasións o seu espello reflicte o meu propio coche e véxome ao volante. Son eu. Cando me sucede iso, lembro algúns consellos e piso levemente o freo ata recuperar a distancia de seguridade
EPÍLOGO
O que peor levo é a sensación de que aínda durmimos xuntos. Con frecuencia esperto de madrugada e nótoo na cama, coma se o tempo se tivese detido antes do desastre. Segue aí, ás miñas costas, respirando pausadamente, suorento ás veces, fuxindo da calor do meu corpo. Daquela desvélome, encóntrome estraña e volvo unha e outra vez sobre a mesma idea: hai algo anormal nisto, en advertir con tanta certeza a presencia de alguén que non está, nin volverá estar. Dígome que máis tarde ou máis cedo acabará desaparecendo por completo, como o diadema. Acougo pensando no diadema e no longo espacio durante o que, despois de quitalo, aínda o sinto oprimindo as miñas tempas.
BRIÓN
Antes de ir durmir, a avoa collía na cociña un anaco de pan que colocaba despois debaixo da almofada. Contounos que o comía en canto espertaba, antes de que cantara o cuco, porque cría que quen oíse o seu canto estando en xaxún recibía con el o anuncio da propia morte. Unha noite, vin que subía camiño do seu cuarto sen ter pasado antes pola cociña, só eu me decatei.
Eran case as cinco cando espertei. Ninguén chegou a saber que entrei no cuarto da miña avoa a aquelas horas para deslizar baixo a súa almofada o pan que ela non levara. Algo máis tarde, insomne, oín cantar o paxaro, e xa naquel instante intuín que non fixera o suficiente.
AMADEUS
Durmo unido a unha pequena radio polo cordón dos seus auriculares. Con frecuencia, no medio do sono, óioa aínda prendida e debo buscar ás apalpadelas entre las sabas para desconectala. Esta noite, cando espertei, pareceume que soaba unha peza de Mozart. Seguín o cable dende a orella dereita, pero ao chegar ao extremo, en lugar do receptor, os meus dedos só atoparon o aceiro nú do borne; un milisegundo despois cesou a melodía. Sobresalteime tanto que tiven que erguerme. Na sala, mentres fumaba un cigarro, descubrín que recoñecera a música, e o malestar fíxose daquela insoportable: era o Requiem.
FRONTEIRA "CENTRAL"
Empecei a traballar trala barra cando aínda era un mocoso. Nunha das miñas primeiras noites, o meu pai tivo que saír e deixoume so. Ao pouco, un descoñecido apeouse dun taxi baixo unha chuvia furiosa e entrou, sacudindo os brazos aparatosamente. O home, moi corpulento, acomodou a súa gabardina no colgadoiro sen dicir palabra e a continuación dirixiuse ao baño. O bar estaba deserto. Eu fixeime na prenda, que pingaba formando un pequeno charco. Por entreter a espera achegueime a limpar a auga cunha fregona. Foi entón cando vin a pistola no peto. Quedei sen alento. Quixen saír correndo, pero oín a súa voz: “¿Sabes facer un café, rapaz?”. “Si, claro”, dixen mentres volvía ao mostrador investido dun valor que non era meu. Aquela foi a primeira vez que conseguín sacar o fodido caciño da vella Faema cun so golpe, e a primeira vez tamén que non sentín o seu bocado ardente no polgar ao batelo con forza no caixón das borras. Cando o tipo marchou, bebín a miña primeira cervexa.
UN INDIO
No longo corredor de Lusitio xogabamos con indios e vaqueiros. Como o amo era el, esixía decidir o reparto de efectivos. Lembro que a un dos indios lle faltaba a metade da perna dereita e ao encaixalo na montura quedaba algo frouxo; ambos sabiamos que iso o convertía nun elemento fácil de derrubar. Luisito sempre incluía aquel guerreiro mutilado no meu lote.
A partir dunha época, a miña irmá Xulia -no sei por qué- comezou a asistir como espectadora ás nosas escaramuzas. E foi case ao principio dese tempo cando o meu amigo decidiu quedarse co indio tolleito e concederme a min o privilexio de contar nas miñas filas co comandante do Séptimo de Caballería, seu ata daquela. Eu non podía supoñer que aquilo habería de parecerme no futuro un simple intercambio de reféns.
CAIXA FORTE
No meu cuarto hai unha pequena e vella caixa de caudais, incrustada na parede oposta á cabeceira da cama. Instalouna un antigo inquilino, do que contan que un día desapareceu sen máis, levándose con el as chaves e deixándoa así inservible.
Hai unhas cantas noites espertei coa sensación de que soaba algo dentro da caixa. Pero, ao erguerme, o ruído, similar a un rumor de voces infantís, cesou. Só ocorreu esa vez. Sen embargo, dende entón, cando intento ler na cama antes de durmir, síntome observado e acabo por apagar a luz.
XOGO
A última vez que me deixou sen saber qué pensar foi o domingo. Faciamos cola nos multicines para ver El pianista cando de súpeto e sen mediar palabra colocouse na fila doutra película -unha de terror, creo. Seguina coa mirada, pero ignoroume. Dubidei un instante e estiven a piques de cambiarme tamén de película, pero non o fixen.
Non volvemos vernos ata que cheguei de volta a casa, en taxi. No salón, pasaba o ferro coa tele acendida. Sen apartar a vista da pantalla deixouse bicar nos beizos.
–¿Que tal o pasaches? -preguntou.
–Un pouco triste a película –dixen–. ¿E ti?
–Pois xa ves, toda a tarde aquí encerrada, dálle que dálle a este cacharro noxento.
Non me estraña que a miña nai diga que non a entende.
CÓMOTE
Dito grastronómico: "Perdóoche o mal que me fas polo be que me sabes".
TATUAXE
Levaba unha imaxe gravada na retina; confirmouno o forense.
SOBREDOSE
Esto que vou contar escoiteino nunha cafetería.
Fai o favor de non mirarme así.
Lita, fíxate, desde esta ventá parece como si fosemos en tren.
El aínda non sabe nada, non sei que facer.
Condal Alcoyano, equis.
Se me chaman de casa di que non estou.
Oe, esto anótamo na conta.
¿Podería non cuspir no chan, por favor?
A vila podrece con nós dentro.
Bota sempre o xeo antes có ron, así parecerá máis.
Don Arturo, ao teléfono, é urxente.
¡Impórtame tres carallos o que diga o sarxento da garda civil!
Este no é o coñac que pedín.
¿Mamá?, ¿es ti, mamá?... ¿oigá?
Son catro pesetas.
Para ser o fillo do xefe fas un café intragable.
España y yo somos así.
Esta tarde vi llover, vi gente correr y no estabas tú.
Non podo, teño traballo.
Déitate ti, que mañá tes que abrir.
Os suízos, eses si que saben facer as cousas ben.
A ver cándo arranxades os servicios, que dan pena.
Para entrar no negocio abondan vinte mil.
O fillo de Romualdo ten leucemia.
Hai que ver cómo te pareces ao teu pai. O que non entendo é que lle venderades a cafetería ao banco, ¿tan mal ía?
Se o meu pai non chega a vendela, eu tería morto sen remedio dunha sobredose de vidas alleas.
CORDURA
O meu pai traballaba de luns a venres nun psiquiátrico, e os sábados e domingos tallaba de encargo pequenas pezas de madeira no taller caseiro. Lembro sobre todo as máscaras.
Nunha caixa de cartón enviábanlle unha peza xa rematada e vinte ou trinta tacos que debía converter en clones do modelo. Elixía as gubias adecuadas sen titubeos e comezaba axudándose dunha maza que abandonaba en seguida para continuar batendo coa palma da man. Cando eu a cría finalizada, aínda repasaba el a talla usando as coitelas máis finas e perigosas, coas que un descoido se convertía en traxedia. Pero nunca o vin cometer un erro e, anque se limitaba a copiar, eu considerábao un verdadeiro artista.
O taller é agora un garaxe, e o meu pai xubilouse hai ben tempo. Paseniño, funme decatando de que a penas fala da súa antiga ocupación de fin de semana. Sen embargo, a miúdo lembra anécdotas do outro traballo, que inclúen nomes e apelidos de enfermos -os malos ratos cando fuxían aproveitando a noite e debía saír a buscalos, cousas así. Eu prefiro, sen embargo, aferrarme ás máscaras.
ELIMINADA
(Para Pablo, dono xeneroso desta historia)
Fun amiga de Celia en cuarto curso porque nos sentaron xuntas. Un día, durante o recreo, inventamos un xogo que nos divertía moito e que consistía en facer crer ás nosas compañeiras de clase que eramos irmás. En realidade, eu daquela era filla única mentres que Celia tiña –e non esaxero- nove irmás e cinco irmáns. Pois ben, eu aprendín de memoria aqueles quince nomes, por orde de idade, e recitábaos de carreiriña no patio, viñera ou non a conto, para que resultase máis convincente o engano do falso parentesco.
Anque a dicir verdade non era iso o que eu facía. Non. Porque na relación orixinal de nomes, introducira una lixeira modificación: eliminei un dos auténticos para substituílo polo meu. Podía terme sumado sen máis á lista, sen necesidade de suprimir a ninguén, pero non foi iso o que fixen. Ao acabar aquel curso trasladáronme de colexio e nunca volvín saber nada de Celia. Se a vise agora, o temor ganaríalle á curiosidade. Por iso non lle preguntaría qué foi da irmá que lle quitei.
REFÉN
Estabamos en sexto. A profesora nova chegaba cos exames que fixeramos o día anterior e repartíaos ao azar. Cada uno de nós debía corrixir o exercicio dun compañeiro; logo, ela revisábaos. En xeral, o sistema funcionaba ben, anque eu elixín un camiño que daquela me pareceu máis cómodo.
Na casa, a noite posterior á proba escrita, enchía un folio coas respostas ás preguntas que xa coñecía, tomando a precaución de incluír algunhas inexactitudes. Cando na aula chegaba o momento da corrección colectiva, preguntaba a quén lle correspondera o meu exame orixinal...
O resto é fácil de imaxinar. Nunca baixei do notable. A verdade é que xa case esquecera este episodio vergoñento da miña vida. Sen embargo, en outubro do pasado año lembroumo a visita dun daqueles compañeiros, cómplices indispensables do meu antigo engano. Soubo ónde traballaba e achegouse a saudarme. Inviteino a café; pasámolo ben; rimos. Ao final, antes de irse, mencionou que o seu fillo se matriculara na miña materia.
PORTA
Eu estaba listo para pintar a condenada porta, xa tiña o chan cuberto con xornais e engadira un pouco de disolvente ao bote da pintura que ela elixira. Agachado, impregnaba con delicadeza a punta da brocha para facer unha proba cando a sentín chegar: “¿Non quitas antes ese horrible esmalte vello?”, dixo pasando á miña beira.
Tiven que cambiarme para baixar á ferraxería; comprei unha lata de decapante, guantes, gafas, mascaras e varias espátulas. Volvín. Ela saíra de novo deixando unha nota que anunciaba horas de ausencia... Cando onte lin nunha revista de decoración que as sucesivas capas de pintura acaban impedindo que as portas encaixen nos seus marcos, entendín por qué xa non estamos xuntos.
O QUE ME FALTA
Eu teño unha esposa; eu teño dous fillos; eu teño unha gata. ¿Teño?, ¿teño?, ¿teño?...; eu non teño nada.
FALSA MEMORIA
A mañá do sábado, a beirarrúa de enfronte encheuse de mobles á altura do número 25. Había un sofá case novo de tres prazas color tella, unha lámpada de pé sen pantalla, a mesiña con rodas que debeu albergar un televisor escaso e, despezado, un voluminoso estante escuro e lustroso. Crin que se trataba dunha mudanza e acheguei unha cadeira á ventá para non perder detalle. Pero pasaron os minutos sen que nada novo ocorrese. Ata que, de súbito, o ceo encheuse de nubes ameazadoras e derramou a modo de aviso algunhas pingas moi grosas que rebotaron sobre o asfalto e salpicaron de charcos miúdos o verniz do mobiliario. Baixei a correr.
Dende o meu portal a chuvia medraba, pero crucei sen paraugas, entre bucinas de camión. Gritei na escaleira daquel vello edificio pedindo axuda. A miña voz de neno non foi abondo: non veu ninguén. Algo desconcertado, volvinme cara á rúa. Mirei ao noso piso. Miña nai bicaba a aquel home. Pero o diluvio a penas permitía ver máis alá duns metros, de modo que quizais só o estaba imaxinando. Sentei no sofá e permanecín alí moito tempo.
MONOPOLY
Xogabamos a comprar rúas e construír hoteis nelas e, de paso, a arruinar aos demais. Cada un elixía a súa táctica. Había quen prefería os solares de prezo módico, para poder edificar en seguida e chamuscar sen demora aos viandantes. Outros non investían máis ca nas rúas verdes ou azuis (as máis caras) anque tivesen que agardar dando voltas e máis voltas ao taboleiro en espera da ocasión.
Pero nunha cousa había unanimidade: debías ser implacable. E así, xamais perdoabas a peaxe cando caían nas túas casiñas, nin sequera lles permitías demorar o pago ata que cobraran o seguinte paso pola saída. Acababas gañando despois de sangralos a gusto, concienciudamente, deixándoos sen patacón tras telos obrigado a hipotecar (¡¡aos doce años!!) todas as súas posesións. Ben mirado, ter sido xogador de Monopoly debería constar nos nosos antecedentes penais.
UN CAMBIO
Humedeceu a solapa do sobre e, unha vez cerrado, deixouno enriba da mesa. Máis tarde, despois de asearse ante o espello, volveu a recollelo e introduciuno no peto interior da americana.
A súa esposa tomaba café na cociña; bicouna antes de saír.Nesta ocasión, un forte arrefriado impedíalle acompañalo, de modo que o traxecto ata o colexio electoral transcorreu sen as discusións acostumadas: en política, pese aos moitos anos de matrimonio (ou quizais por iso), mantiñan opinións enfrontadas. Votou.
De regreso, sentiu que un sorriso lle asomaba nos beizos. Tería gracia, pensou, que un simple catarro conseguise cambiar a color do goberno municipal. Pero en seguida apartou ese pensamento porque lle pareceu frívolo, desconsiderado e improbable.
A casa, ao entrar, estaba en silencio e no dormitorio non había luz. Dirixiuse cara á cociña. Cando xa tiña recollido e fregado os cacharros, sen saber por qué, pisou o pedal do cubo do lixo e mirou dentro.
PERDA
Emprestáralle a L. unha das poucas novelas que posúo con dedicatoria do autor. Ao pouco deixámonos e xa nunca ma devolveu. Souben despois que marchara do país para colaborar cunha ONG nalgún lugar de Latinoamérica.
Hai uns meses chegoume a noticia da súa morte, víctima dun accidente de tráfico no que se incendiou o coche que conducía e, tras pensalo moito, decidín acercarme ata a súa antiga casa. Cando a súa nai abriu a porta recoñeceume en seguida a pesar do tempo transcorrido; invitoume a pasar sen facer preguntas e ofreceume un café que aceptei de bo grado.
En canto puiden expliqueille que volvera a polo libro. No lle estrañou a petición. Levantouse e camiñou en dirección ao corredor para regresar de contado coa miña novela nas mans, anque eu non lle dixera o título. As cubertas estaban lixeiramente queimadas, e dentro había unha foto miña con dez anos menos.
XOGADOR
Se perdes, aposta máis a próxima vez. Pero se gañas, sígueo intentando.
MOTIVOS
Sobre o escritorio, a pequena esfera de aceiro, suspendida por un delgado fío metálico, baixa trazando un arco que rematará preto da vertical, cando golpee a máis próxima das súas catro inmóbiles compañeiras. Un instante despois, no outro extremo da cidade, un home salta ao baleiro sen explicación aparente.
O NOSO PANDA
O modelo máis completo era o Marbella, pero nós tivemos que conformarnos co Seat Panda Montaña 45. Elixímolo en cor branca; as defensas viñan en gris, igual ca unha compacta baca de plástico a xogo coa grella dianteira que protexía os faros. Dentro tiña o espacio xusto para os catro: os nenos, atrás, sentados nun asento moi livián que se desmontaba con suma facilidade para converterse en cama improvisada; diante non dispoñiamos de grandes comodidades, pero contabamos co imprescindible: tralo volante, espido e áspero, o cadro cos seus tres indicadores: velocidade (ata 130), nivel de combustible e temperatura. Baixo o cadro, moi sobrio, discorría de lado a lado un bolsón aberto na mesma cor crema da tapicería, que facía moito servicio para ir gardando papeis, moedas, chaves, a lanterna e un mapa de estradas de Europa. O cinseiro, de deseño, ía encaixado no centro da barra que soportaba o portaobxectos. En cuanto puidemos aforrar comprámoslle unha radio e dous altofalantes. Sete años despois vendémolo por oitenta mil pesetas.
O QUE QUEDA
Dende hai un par de días pestanexa unha luz vermella na impresora. Segundo o libro de instruccións debo cambiar xa o cartucho de tinta negra, porque o “chivato” indica que se esgotou. Pero é mentira: podo seguir imprimindo as miñas cousas durante un par de semanas máis, ou quizais tres, sen ningún problema. De modo que non lle vou facer caso ao fabricante e cambiareino só cando haxa signos evidentes de que é necesario. Non se trata unicamente dunha cuestión de aforro neste caso. Teño a estraña certeza de que, se conservo este costume, un día lograrei escribir algo realmente bo, e, daquela, a tinta dun deses cartuchos desafiuzados será a que o leve ao papel. Non sei, tal vez paso demasiado tempo so.
UN CORTADO
Hai un primeiro movemento en dúas partes. Cun golpe seco, executado sobre todo coa base do dedo polgar, e un xiro de pulso duns noventa graos, extráese o caciño e a continuación envórcase o seu contido baténdoo na parede interna do caixón das borras.
Logo, colocado xa baixo a abertura do dosificador, prememos a pequena panca lateral e caen uns gramos de café moído que, segundo os gustos do cliente ou os do propietario, é posible adulterar con chicoria. Unha vez integrado de novo o recipiente na cafeteira (golpe inverso para enroscar) dáse paso á auga fervendo, que brotará escurecida deslizándose por dúas conduccións laterais cara ao fondo da cunca; é importante atender á color da infusión ao saír pois en canto comece a perder densidade debe interromperse o fluxo. En tanto non chega ese momento, debemos introducir na xerra do leite a variña do difusor de vapor e abrir a chave de paso; cando o son se torne rouco retirarémola.
Sobre o prato, unha bolsiña de azucre ou outro edulcorante, a culleriña e a cunca mediada. Depositamos o conxunto ante o cliente con suavidade. Inclinamos a xerra procurando, cun lixeiro balanceo, que a escuma non quede atrás. En canto caia un chorriño ínfimo, teremos servido o cortado.
A CARIDAD
Querida profe:
Ti non o sabes, pero aquel día, cando diante dunha clase bulideira de testosterona recitabas con énfase ardente un poema (“Le pregunté: ¿Me dejas que te quiera?”), algúns reiamos con disimulo porque nos parecías, qué cousas, un chisco grotesca e excesiva. Hoxe, despois de trinta anos, quero agradecerche aquel case delirio que, máis tarde e xa so, comprendín marabillado. Agora, cada vez que decido ler en voz alta aos meus alumnos algúns versos, aparecésteme sentada nun pupitre, rindo. Gracias, Caridad.
BELISCO
Isto acabarásenos algún día